Así é o novo bono social eléctrico 2017

A rebaixa no recibo de entre un 25 e un 50 % é para as familias con menos renda e para todas as familias numerosas.-

O novo bono social eléctrico proporciona como o anterior, un desconto mínimo do 25 % sobre a factura da luz, e tamén segue beneficiando ás familias numerosas. Ambos os modelos non se parecen en nada máis, pois o renovado mecanismo introduce por primeira vez os criterios de renda e, ademais, limita o consumo eléctrico anual obxecto de subvención. A continuación detállase quen pode pedilo e como ha de facelo.

Quen teñen dereito a gozar do novo bono social?.-Aplícase o criterio de renda, de modo que se benefician dos descontos na factura da luz aqueles que realmente o necesitan. Só hai unha excepción, e son as familias numerosas. Estas, cobren o diñeiro que cobren, teñen dereito ao bono. É o único colectivo que ten asegurado o desconto, que no seu caso seguirá sendo do 25 %. En Galicia, ata o 10 de outubro, había inscritas 23.804 familias con tres ou máis fillos, segundo os datos da Consellería de Benestar Social. O resto dos beneficiarios terán que demostrar un nivel de renda baixo para poder dispoñer do bono. Ademais, en todos os casos, os consumidores terán que manter un contrato de subministración eléctrica no mercado regulado, tutelado polo Ministerio de Enerxía.

Cales son os niveis de renda esixidos para optar ao desconto no recibo?.-Un fogar no que non viven menores ten dereito ao bono social se entran como moito 800 euros ao mes. Se a familia ten un fillo ao seu cargo, o límite son 1.000; e se ten dous, 1.300 euros. Tamén teñen dereito ao bono os fogares nos que vivan pensionistas, ben por xubilación, ben por incapacidade permanente, pero só se cobran a prestación mínima e non perciben outros ingresos extra. Con todas estas condicións, o desconto é, como no caso das familias numerosas, do 25 %. A rebaixa amplíase ao 40 % se os solicitantes cobran o 50 % dos supostos anteriores. Hai un último tipo de beneficiario que é o consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social. A situación destes fogares é tan dramática, economicamente, que están atendidos polos servizos sociais municipais. Estas familias serán socorridas aplicándolles un desconto do 50 % na factura e, ademais, non se lles poderá cortar a luz por falta de pagamento.

Son usuario do antigo bono social: quedo xa sen o desconto?.-Non. O Ministerio de Enerxía habilitou un período transitorio de seis meses, que acaban o 10 de abril do 2018, para que convivan os dous modelos de bono social. Isto quere dicir que as familias que reúnan as condicións de renda poden solicitar xa o novo, e as outras manterán o desconto ata esa data límite. Claro que entre estas últimas haberá moitas que teñan dereito ao novo bono e poderán ir solicitándoo tamén.

Como se solicita ?.-Tanto o antigo como o novo tramítanse a través das propias empresas comercializadoras de electricidade. No mercado regulado só teñen autorización para operar oito compañías. Dous delas cinguen o seu ámbito de actuación a Ceuta e a Melilla, así que para o resto da Península son seis. Trátase de Endesa Enerxía XXI SLU; Iberdrola Comercialización de Último Recurso SAU; Gas Natural SUR; EDP Comercializadora de Último Recurso; Viesgo Comercializadora de Referencia; e CHC Comercializador de Referencia. Tomen nota dos nomes completos das sociedades para non confundilas coas que operan no mercado libre. Os trámites realízanse a través dos seus teléfonos e tamén NO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE XOVE.

Durante canto tempo aplícase o bono social?.-Mentres se manteñan as condicións de renda, durante dous anos: logo hai que volver solicitalo cunha antelación mínima de quince días para que non se extinga o privilexio. Aquí a excepción volven ser as familias numerosas, que manterán o desconto ata a caducidade do título.

Quen paga eses descontos?.-Directamente, todas as comercializadoras de electricidade, poidan ou non ofrecer o bono social. Pero, indirectamente, todos os consumidores, pois as compañías repercuten o custo nos recibos. O importe anual: 236 millóns.

-----> Manual en castellano del BONO SOCIAL ELECTRICO <--