Os Reis Magos en Xove

Chegaron os Reis a Xove sobor das 17:30 horas, para realizar a súa primeira actividade no noso Concello, que foi unha visita, como ven sendo tradicional nos últimos anos, á Residencia San Rosendo, onde acompañaron e levaron ilusión e agasallos aos nosos velliños.

A continuación tomaron novamente as súas carrozas, e saindo das inmediacións do Campo Municipal de Fútbol de Xove, realizaron o seguinte percorrido: Rúa Agramonte, pasando por diante do CEIP Pedro Caselles ata chegar á Avenida Deputación, onde percorreron unha boa parte da mesma, cortando por Doutor Baamonde Illade e continuado polo Camiño Real para chegar ao Centro Cívico, onde se dirixiron ao Belén Xigante que está instalado no Parque Municipal de Xove, aproveitando para facer as tradicionais ofrendas ao Neno Xesús.
Temos que decir que o tempo, que en principio parecía que ía chover, respetou totalmente a Cabalgata, e non caiu nin unha gota, o que fixo que as rúas de Xove estiveran ateigadas de xente, sendo esta, con moito, a Cabalgata máis multitudinaria dos últimos anos.
Como remate da súa presencia, e antes de volver para traer agasallos a tódolos nenos pola noite, realizaron a entrega dos premios do Concurso de Postais de Nadal no Salón de Actos do Centro Cívico.