celebrado o Dia Internacional Da Muller Traballadora
P1140432
adicado este ano ás “emigrantes retornadas”

 A homenaxe que se ven celebrando no Concello con motivo do Día Internacional da Muller traballadora tivo lugar este ano onte domingo 13 de marzo ás 17:30 no Salón de Actos do Centro Cívico. No mesmo participaron orredor das duascentas mulleres.

Comezou o acto coa videoproxección do documental “Emigrantes Retornadas” elaborado pola Delegación da Muller e o Departamento de Servizos Sociais do Concello. A continuación, e despois dunhas verbas do Alcalde Demetrio Salgueiro, procedeuse a realizar unha homenaxe a tres mulleres emigradas.  Das moitas mulleres emigradas  e que retornaron a Xove, escolléronse as máis lonxevas das que emigraron fora de España a tres continentes distintos, concretamente a Europa, América e África.

Estas tres mulleres homenaxeadas foron:

  • Dna. Nélida Fernández Quelle, que marchou no ano 1957 cara Arxentina cando contaba só con 23 anos de idade. Fixo a viaxe na compaña da súa irmá, e unha vez en Bos Aires gañouse a vida traballando como parte do servizo de casas da alta sociedade porteña, e tamén no taller do costura do Hospital Británico. Voltou a Xove no ano 1987.
  • Dna. Mª Isabel Dosinda Rey Álvarez, que partiu cara Suiza no ano 1962, cando tiña 29 anos, na compaña do seu marido. Con formación en peritaxe mercantil, pronto pasou de traballar na planta dunha empresa de lavandería ás súas oficinas, onde desempeñou o seu posto con éxito durante sete anos, ata que atopou outro traballo máis preto do seu domicilio nunha empresa de material de oficina. Voltou a Xove no ano 1977, trala morte da súa nai.
  • Dna. Antonia Rey Casariego, que se foi no ano 1967 cara Liberia, no continente africano, acompañando ao seu marido. Ela nun principio ocupouse das tarefas domésticas, pero pronto voltou a exercer o seu oficio de costureira, a través da confección e o arranxo de roupa para clientes particulares. Voltou a Xove no ano 1975, principalmente para que os seus fillos recibisen unha educación de mellor calidade.

Elas son tan só unha mostra do carácter emprendedor das mulleres do municipio. Dende o Concello de Xove queremos renderlles a nosa admiración e afecto a todas elas.

Como remate deste Día, tódalas participantes puideron disfrutar dunha chocolatada.