Dia internacional da muller traballadora
A homenaxe que se ven celebrando no Concello con motivo do Día Internacional da Muller traballadora terá lugar este ano o domingo 13 de marzo ás 17:30 no Salón de Actos do Centro Cívico, e realizarase, coma os outros anos, unha chocolatada (que será a cuarta) para todas as mulleres do municipio. Este ano, o acto está adicado as Emigrantes Retornadas do concello de Xove. Dende a Delegación Municipal da Muller e o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Xove invítase a participar a todas aquelas mulleres que queiran aproximarse o domingo a esta pequena reunión.
Debido ao grande número de emigrantes retornadas que atopamos no municipio, decidimos que, aínda que este día é para todas elas, as homenaxeadas sexan as máis lonxevas. Así, renderase homenaxe as veciñas:
 
Dna. Nélida Fernández Quelle, que marchou no ano 1957 cara Arxentina cando contaba só con 23 anos de idade. Fixo a viaxe na compaña da súa irmá, e unha vez en Bos Aires gañouse a vida traballando como parte do servizo de casas da alta sociedade porteña, e tamén no taller do costura do Hospital Británico. Voltou a Xove no ano 1987.
Dna. Mª Isabel Dosinda Rey Álvarez, que partiu cara Suiza no ano 1962, cando tiña 29 anos, na compaña do seu marido. Con formación en peritaxe mercantil, pronto pasou de traballar na planta dunha empresa de lavandería ás súas oficinas, onde desempeñou o seu posto con éxito durante sete anos, ata que atopou outro traballo máis preto do seu domicilio nunha empresa de material de oficina. Voltou a Xove no ano 1977, trala morte da súa nai.
Dna. Antonia Rey Casariego, que se foi no ano 1967 cara Liberia, no continente africano, acompañando ao seu marido. Ela nun principio ocupouse das tarefas domésticas, pero pronto voltou a exercer o seu oficio de costureira, a través da confección e o arranxo de roupa para clientes particulares. Voltou a Xove no ano 1975, principalmente para que os seus fillos recibisen unha educación de mellor calidade.
Elas son tan só unha mostra do carácter emprendedor das mulleres do municipio. Dende o Concello de Xove queremos renderlles a nosa admiración e afecto a todas elas.