Curso de Cociña no Colexio de Palmeiro

o GALP  a Mariña-Ortegal pon en marcha uns obradoiros de formación en cociñado de peixes e mariscos procedentes das súas lonxas.logo a marina ortegal edit 0

Dende o día 20 de outubro e ata o 24 de novembro, vanse levar a cabo uns obradoiros sobre técnicas de limpeza, desespiñado e cociñado de peixes e mariscos do territorio. No Concello de Xove terá lugar o próximo 10 de novembro desde as 10:00 horas ata as 14:30 e celebrarase en colaboración coa Asociación Bolboretas de Palmeiro no seguinte enderezo:

Aula Asociación Bolboretas | Colexio de Palmeiro | Urbanización Palmeiro s/n  | 27879 Xove

Esta actividade, de carácter gratuíto,  desenvolverase en doce concellos do territorio do GALP A Mariña-Ortegal e vai dirixida aos integrantes do tecido asociativo de cada un deles. Os talleres estarán dirixidos polo cociñeiro Miguel Mosteiro, gran coñecedor da gastronomía galega en xeral, e da mariñeira en particular. Está considerado, así mesmo, como un especialista en cociña de territorio. Os obxectivos desta acción son, ademais de darlle visibilidade ao GALP e ás súas axudas, o de dar a coñecer as posibilidades gastronómicas de produtos do noso mar como a pescada, o polbo, a xarda, o salmonete, o rape, berberechos e ameixas ou mesmo o bonito. Ademais, daranse a coñecer distintas técnicas de limpeza ou desespiñado das especies. 

En cada un dos talleres poderán participar un número de 20 persoas alumnas que interactuarán con Mosteiro na manipulación e cociñado das distintas especies. Para poder asistir aos obradoiros, as persoas interesadas deberán poñerse en contacto co Concello de Xove – Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local. (Tlf.: 982592001). A participación é gratuíta e iranse asignando prazas por orde de inscrición. Este obradoiro lévase a cabo en colaboración coa Asociación de Mulleres Bolboretas, pero vai dirixida a homes e a mulleres que teñan interese pola cociña ou que queiran aprender un pouco máis sobre os nosos produtos do mar.