Exposición e Teatro sobre as persoas refuxiadas

O Concello de Xove acollerá nas próximas semanas unha exposición fotográfica e mais unha obra de teatro para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As actividades encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o municipio é socio.

A mostra ‘No colo da esperanza’ poderá visitarse a partir de mañá venres e ata o 2 de xuño na Sala de Exposicións do Salón de Actos, de 18 a 21 horas. As exposición foi realizada en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns” polo fotoxornalista Felipe Carnotto, que previsiblemente se achegará ata Xove para ofrecer unha charla ao respecto. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.

O martes 21, coincidindo co Día mundial da diversidade cultural para o diálogo e o desenvolvemento, representarase a partir das 11 horas no Salón de Actos o espectáculo teatral ‘O valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e as persoas que requiren refuxio. Baseada no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. Asistirá alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán e mais do IES Illa de Sarón, pero a asistencia está aberta á poboación en xeral.