presentación do curtometraxe ‘Pedras e Riceiros'

A curtametraxe documental sobre o polbo e o percebe de Xove presentarase o vindeiro luns e está englobada no proxecto 'Construír o futuro de Xove mirando ao mar', a peza audiovisual explica o proceso de extracción dos produtos estrela do municipio e reivindica a súa calidade

O salón de actos do centro cívico acollerá o vindeiro luns, ás 20.00 horas, a presentación da curtametraxe documental ‘Pedras e Riceiros', englobada no Construír o futuro de Xove mirando ao mar.

A peza audiovisual, cunha duración aproximada de 30 minutos, aborda a través de entrevistas o xeito de traballar do sector pesqueiro e tamén as súas principais preocupacións no tocante ás normativas que rexen o sector ou os seus dereitos laborais.

Participan no documental profesionais do Servizo de Gardacostas ou a xefa territorial da Consellería do Mar, así como mariscadoras e pescadores de percebe e polbo, os produtos estrela do municipio.

Tamén achegan a súa visión empresarias dunha conserveira ou pescadeiros, co que a curtametraxe abrangue todo o proceso de comercialización dos produtos pesqueiros, desde a captura ata a venta.

A intención do documental é reunir diferentes voces para reivindicar a calidade dos produtos pesqueiros, explicar o motivo dos prezos que alcanzan no mercado e concienciar sobre a importancia dunha pesca sostible como ferramenta para coidar o medio ambiente e asegurar o futuro do sector.

Participaron na rodaxe o produtor Fabián Ben, de Emarela; a axente de desenvolvemento local do Concello de Xove, Rosa Lage, e o educador ambiental, Diego Vázquez Miramontes, guionistas da peza; a deseñadora Sol Álvarez; e Costura Films, produtora do cineasta xovense Lázaro Louzao, que se encargou da realización.

O PROXECTO

'Construír o Futuro de Xove Mirando ao Mar' é un proxecto impulsado desde o departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove e promovido por tres entidades: unha do sector público, a propia administración local; unha do sector social, a asociación A Medorra, e unha do sector económico, a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIAM).

Financiado polo Grupo de Acción Costeira (GALP) A Mariña-Ortegal, o proxecto ten como principais obxectivos dinamizar turística, social e economicamente Xove e a zona da Mariña-Ortegal, dando a coñecer os seus produtos do mar, aumentando o valor engadido e potenciando o seu consumo, ademais de dotar ao sector hostaleiro do municipio das ferramentas necesarias para reforzar os seus elementos diferenciadores e aumentar así a súa competitividade.