Chega a Xove a exposición do Fondo Galego sobre Dereitos Humanos en Mozambique

A mostra reúne as fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago no país lusófono tras gañar a última edición do certame Imaxes con Fondo

foti1

Xove, 25 de maio de 2021. Coincidindo co Día de África, vén de instalarse na Praza do Concello a exposición ‘Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Xove. A mostra ofrecerá ata o 27 de xuño unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.

A exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que nos achegan á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego ten impulsado no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron uns 340.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas, da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).

Nos últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.

O fotógrafo

Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.

Un dos países máis empobrecidos

Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego e as administracións locais socias.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

 

+info: https://fondogalego.gal/o-fondo-galego-promove-cinco-proxectos-contra-o-covid-19-en-mozambique-e-guinea-bissau/

 

 

 

ÁREA DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas   616 145 077

Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.