Recepcionadas as obras de Roncadoiro

roncadHoxe sobor das 13:45 horas no Faro de Roncadoiro, na Parroquia de Portocelo en Xove,  o Director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao Emilio F. García García, acompañado do Alcalde de Xove Demetrio Salgueiro, da Concelleira de Cultura Dolores Meitín e outras autoridades, procedeu á recepción das obras realizadas nos últimos meses no Faro de Roncadoiro e o seu entorno.Nunha primeira fase, na que se investiron orredor de 300.000 € entre a Autoridade Portuaria e o noso Concello, procedeuse ao arranxo dos accesos ao Faro, aproveitando tamén para levar unha traída de luz ás instalacións do mesmo; ata ese intre, a electricidade do Faro cubríase cun xenerador.Nesta segunda fase, completáronse os traballos iniciados consistentes no acondicionamento do entorno do propio faro, adaptándoo para as visitas do público, dada a súa situación e o carácter paisaxístico da zona, así como para o uso dos técnicos que manteñen o seu funcionamento. As obras consistiron en mellorar a explanada onde remata  a estrada que dá acceso ao faro, dotando o entorno dunha balaustrada para dar seguridade aos peatóns; tamén consturiron unhas aceras para separar  o tráfico rodado do peatonal.

O Presuposto das obras da segunda fase rondan os 87.000 €uros, co cal o investimento realizado nas dúas fases do Faro de Roncadoiro e o seu entorno achéganse  aos 400.000 €uros.