XIª FESTA DO “POLBO DA PEDRA”
Somos un grupo de hosteleiros de Xove que queremos contribuir a promociona-lo noso Pobo, para o que pensamos en organizar unha festa gastronómica, xa que esa é a área na que mellor nos desenvolvemos. O mesmo que outros lugares da Comarca, cremos que temos productos que son merecentes de ser promocionados; coincidimos todos en que o “polbo da pedra”, denominación coa que coñecemos o polbo que se captura na nosa costa, é un  producto de altísima calidade, tal como nolo amosan os numerosos viaxeiros e turistas que pasan polos nosos establecementos. Sabemos que noutros lugares de Galicia se celebran festas do polbo, pero esta queremos que naza cun xeito diferenciador, e ese xeito está en que o polbo que se traballa na Costa de Lugo (especialmente no que atinxe ós nosos portos de Morás e Portocelo) é un polbo distinto do que se acostuma a tomar noutros lugares e feiras de Galicia; o noso é un polbo cunha cor máis escura, os raxos son máis longos e a cabeza máis pequena, e cremos tamén, inda que esta é unha opinión particular, que se trata dun polbo de máis calidade que ese outro que se colle sobre todo nas grandes rias.
polbopedra2012
Xa imos pola XIª edición, o que quer decir que esta Festa consolídase ano a ano, o que nos enche de orgullo. Para esta edición, que vai comezar ás 19:00 horas, ousexa, que a partires das 7 da tarde xa se vai comezar a repartir polbo, a organización dispón duns 800 kg. de polbo que vai ser preparado polos diferentes locais en multitude de variedades. Decir, neste sentido, que cada ano os distintos hosteleiros elaboran diferentes  e novas recetas cada edición, co fin de sorprender aos visitantes, sen deixar tamén  de cociñar o polbo nas súas formas máis tradicionais.
A organización deste evento corre a cargo dos seguintes establecementos: Pulpería O Refugio, Cafetería O Roda, Bar Pepe, Cervecería Cociña, Cafetería Centro Cívico e Mesón-Pizzería A Fuga. Contamos tamén, e non podía ser doutra maneira, co importante patrocinio e colaboración  do Concello de de Xove. Para animar a festa, o mesmo que os últimos anos, contamos cos GAITEIROS DE SAIÑAS, quens van ir percorrendo coa súa música os distintos lugares da Festa; tamén a eles desexamos expresarlles o noso agradecemento.
Por último, aproveitamos para animar e invitar a participar nesta Festa, a toda a xente de Xove, da Mariña e doutros lugares que queiran, nesta data, disfrutar dunha importante e agradable xornada gastronómica.
En Xove, a 23 de marzo de 2012.-  Asdo: Miguel Gómez López,.- Membro da Organización