Alumnado de Xove conmemora o Día contra a Pobreza co conto ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’

A Tropa de Trapo continúa mañá xoves coa xira do conto solidario ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ no Concello de Xove, coincidindo co Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemora o 17 de outubro. A proposta ideada para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade percorre este ano vinte concellos socios da entidade. O espectáculo dará comezo ás 10.45 horas no auditorio municipal de Xove, ata onde se achegará o alumnado dos colexios do municipio.

 

A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos. Unha historia con música en directo para sensibilizar sobre a cooperación e a solidariedade, dirixida a público infantil e familiar.

Porto do Son, Moraña, Tomiño, Laxe, Riveira, Teo, Caldas de Reis, Burela, Culleredo, Bergondo, Valga, Corcubión, Cuntis, Monforte, Fene, Poio, Nigrán, Narón, Carballo e Pontedeume son os concellos socios do Fondo polos que pasará ata finais de ano ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’. Marta Ortiz e Brais das Hortas son artífices deste espectáculo que tomou o relevo a ‘Contos coas mans abertas’, anterior creación da Tropa de Trapo.